Dobre récord de España de Desirée Vila

A gondomareña Desirée Vila Bargiela participou este domingo no XXI Meeting Basauriko Probak, disputado no Polideportivo Artunduaga de Basauri. A atleta do Club Miacum conseguiu a súa mellor marca persoal nas probas de 100 metros lisos, cun tempo de 18.28, e en salto de lonxitude, cunha marca de 3.80, logrando así dobre récord de España na categorías T-63 e F-63.

A proba está incluída no Calendario Internacional de Atletismo do Comité Paralímpico Internacional, polo que os resultados do Meeting son válidos tanto para Récords como para a Clasificación de IPC.

“Contentísima co resultado aínda que queda moito por mellorar. Temos catro duras semanas por diante ata o Campionato de España, onde tentaremos baixar de 18 no 100 e achegarnos aos 4 metros no salto. Grazas a todo o meu equipo e en especial ao meu adestrador”, sinalou a nova deportista de Gondomar.