O Club Baloncesto Nigrán organizou este sábado a terceira edición do Colebasket, un torneo interescolar no que participaron escolares de entre 6 e 13 anos de todos os colexios de Nigrán e o Divino Salvador. Preto de 100 escolares dos centros educativos Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Mallón, Arquitecto Palacios e Divino Salvador déronse cita no Pavillón Municipal de Panxón para gozar dunha mañá de baloncesto.
Habilitáronse 3 pistas de xogo nas que os máis pequenos disputaron diferentes partidos distribuídos por cursos e arbitrados por xogadores e xogadoras das categorías de formación do CB Nigrán. Ao finalizar os encontros deportivos tivo lugar a clausura na que a organización entregou unha medalla conmemorativa a cada un dos nenos e nenas participantes así como un trofeo aos directores dos colexios e representantes das ANPAS tamén presentes. Ao evento asistiu ademais o alcalde de Nigrán, Juan González.



