Máis de 300 escolares do Val Miñor practican xogos tradicionais

Este venres celebrouse no campo das Cercas de Gondomar a VIII edición da Xornada Escolar de Xogos Tradicionais e Populares do Val Miñor, sendo un éxito absoluto de participación e convivencia entre os alumnos de 4º de Primaria dos centros educativos da comarca miñorana.

Un total de 315 alumnos dos centros Humberto Juanes, Carlos Casares, Donas, Neira Vilas, Anxo da Garda, Colexio Estudio, Camos, Sabarís, Panxón, Fontes-Baíña, Mallón, Vincios, Belesar e Chano Piñeiro desfrutaron dunha mañá que comezou cun chaparrón que deu paso a unha xornada soleada na que se puxeron en común unha vintena de xogos (peóns, rá, mariolas/cacho, canicas, chaves, brancos e negros, goma, lombas, bombillas, comba, marro, pano, texo, carreira de sacos, soga-turra, aros, zancos, chinos, chapas e pai/fillo/nai).

Esta actividade é un claro exemplo do que debe de fomentar o noso sistema educativo como son a curiosidade, a autonomía ou a creatividade, e tendo como fío condutor os xogos cos que creceron os seus pais, avós,… e que a día de hoxe foron substituídos pola tecnoloxía do entretemento.

Os organizadores queren amosar o seu agradecemento a Agua Sana, Rosquillas Cristaleiro, e aos Concellos de Nigrán e Gondomar, que puxeron o servizo de transporte para trasladar ao alumnado e o Concello de Gondomar o campo de fútbol das Cercas para que se puidese celebrar o evento.