O Paseo Ribeira de Baiona acolle a exposición “Vento nas Velas” do fotógrafo Xurxo Lobato

Dende este sábado 8 de xuño ata o vindeiro 7 de xullo, ambos os dous días inclusive, poderemos desfrutar no marco incomparable do paseo Ribeira de Baiona da exposición fotográfica “Vento nas Velas”, do fotógrafo Xurxo Lobato. A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Baiona, está composta por cinco grandes cubos expositivos de carácter didáctico, pensada para achegar ao público a cultura marítima da nosa provincia. O obxectivo é poñer en valor esta área do patrimonio galego, empregando como medios, textos e fotografías, as publicadas no 2017 no libro da mesma autoría “Vento nas Velas”.

A exposición compleméntase cun concerto denominado “Música nas Velas”, un espectáculo musical no que participarán Xurxo Souto, o Orfeón do Berbés e máis artistas convidados. Dito concerto está previsto nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o vindeiro domingo 16 de xuño ás 19:30 horas.