O Vigo-Rías Baixas acode cos seus tres xefes de filas á Volta a Salamanca

Segundo clasificado na clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), o Vigo-Rías Baixas sairá a por todas desde este venres na Volta a Salamanca. Para plasmar a súa ambición sobre o asfalto, a estrutura que preside José Luis Chamorro acode a terras charras cos seus tres xefes de filas. Carlos Cobos, Samuel Blanco e Julián Barrientos serán as principais bazas do conxunto flúor nesta rolda de tres etapas.

Especialmente motivado chega a esta cita Cobos. O escalador estremeño reside en Salamanca e tentará facer valer o seu coñecemento das estradas polas que transitará a carreira. Sétimo nestes momentos no clasificación Elite, aínda se lle resiste a vitoria como corredor do conxunto olívico.

Un posto por encima na táboa da RFEC atópase Blanco. O redondelán logrou a semana pasada a camisola de mellor galego na Volta á Provincia da Coruña. A pesar desa recompensa quedou certo sabor agridoce despois de terminar segundo nunha etapa e cuarto, igualado a tempo co terceiro, na xeral. O redondelán xa sabe o que é gañar esta tempada, fíxoo no Campionato de Galicia CRI, do mesmo xeito que o arxentino Barrientos, vencedor da Volta ao Ribeiro.

Con ganas de desquite tamén se presenta en Salamanca o sub23 Gabriel Ochando. Unha caída na recta de meta impediulle pugnar polo triunfo na última xornada de Coruña. Alejandro de Rozas e Santi Martínez serán os outros dous pupilos que terá ás súas ordes Iván Rodríguez, o director salmantino do Vigo-Rías Baixas.

A 48ª edición desta volta, que regresou en 2018 ao calendario tras anos de ausencia, arrancará cunha xornada de 133 quilómetros entre Villamayor e Sardón de los Frailes. O percorrido será crebado, un aperitivo para a seguinte etapa, a considerada raíña. No 134 km do sábado, con inicio en Ledrada e final en Guijuelo, contabilízanse catro portos puntuables, dous de 2ª categoría e outros dous de 3ª. Para o domingo espérase un desenlace ao sprint no 150 km que empezarán e concluirán na capital da provincia.