Casa Soleiro e Cafetería Alameda, gañadores da 7ª Festa da Empanada

Como todos os anos e coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas, celebrouse en Gondomar, desde o xoves 16 ata o domingo 19 de maio, a sétima edición da Festa da Empanada, organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, en colaboración coa Concellería de Comercio do Concello de Gondomar.

A cita gastronómica tivo unha gran acollida entre veciños e foráneos que se achegaron ata Gondomar para gozar desta delicia culinaria tan presente en Galicia.

12 establecementos hostaleiros de Gondomar repartiron durante estes 4 días de celebración do evento, centos de racións de multitude de variedades de empanada: arroz con choco, zamburiñas, millo con mexillóns, orella … entre outras.

A participación por parte da hostalería foi moi boa, sendo satisfactorios os resultados do evento.

Pola súa banda, a Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, manifesta que seguirá apostando e colaborando con este tipo de citas que permiten potenciar, ademais da contorna, a gastronomía e o bo facer da hostalería do municipio.

Nesta 7ª edición o público participante volveu elixir a mellor empanada 2019.

No primeiro posto produciuse un empate entre o Restaurante Casa Soleiro e a Cafetería Alameda, o segundo posto foi para A Adega do San Xoán e o terceiro para a Xamonería Tapería Bastión.

Este ano sorteouse entre as persoas que participaron facendo o roteiro da Festa da Empanada e que cos seus votos elixiron ás mellores empanadas do ano 2019, unha escapada termal para dúas persoas no Hotel Spa Vila de Allariz 4* (Allariz – Ourense), incluíndo aloxamento, almorzo e 2 horas ininterrompidas de circuíto termal por persoa, premio patrocinado por Viaxes Val Miñor.