Baiona investirá preto de 73.000 € nun novo parque de lecer en Sabarís

Baiona contará en breve cun novo parque de lecer na Avenida de Praia Ladeira, que estará situado nunha parcela de 1.448 metros cadrados. O investimento total será de 72.955,32 euros, dos cales o 80% serán asumidos pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Este novo espazo está distribuído en dúas zonas ben diferenciadas. A primeira albergará un parque de Street Work cunha superficie de 108 metros cadrados. Estará equipado cunha estrutura de workout de KOMPAN ou similar composto por máquinas Magnetic bells, suspensión trainer e barra con redes, todas elas pensadas para a realización de actividade física ao aire libre. Esta modalidade deportiva saudable, sen ningún custo, xurdiu a finais dos anos 80 e principios dos 90, nas rúas e nos barrios máis marxinais de Estados Unidos, cando comezaba o movemento sociodeportivo nas rúas. Baseábase en adestrar na rúa, e considerábase moito máis que unha modalidade de adestramento, pois naceu considerándose un estilo de vida, caracterizado por valores como o respecto, a forza e a educación.

Xunto a este, construirase unha nova zona pública de xogos populares, na cal a chave e a petanca serán os protagonistas, ocupando unha superficie duns 250 metros cadrados, posibilitando a expansión destes deportes, que se poden gozar en solitario, en grupo, ou en familia, e convidan a ser gozados a todas as idades.

A segunda zona, de 920 metros cadrados, estará destinada ao descanso, contará cunha zona axardinada de mesas de picnic e distintas especies arbóreas destinadas á proxección de sombra, contando ademais coa instalación de bancos e papeleiras.

Este novo equipamento súmase á pista deportiva que xa construíu o Concello neste mesmo emprazamento, e a apenas a 50 metros do parque infantil. O Alcalde en funcións, Ángel Rodal, destaca a idónea localización da infraestrutura pola súa proximidade á praia e ao carril bici da zona, nas proximidades dun paso de peóns e dun amplo aparcamento. Subliña que son unhas «instalacións de primeira calidade» completando as actuacións que se fixeron nos últimos anos nesa zona de expansión que sufriu unha positiva transformación, modernizando os espazos do municipio, achegando e facilitando o seu uso e desfrute a veciños e veciñas.

2019-06-04 - nueva zona de ocio en sabaris