A partir do 1 de xuño estarán abertas as inscricións para a 7º edición da “Marcha Cicloturista de Oia” que se celebrará o domingo 21 de xullo na devandita localidade. Este ano a ciclista elite Chus Barros, múltiple campioa de Galicia entre outros logros, apadriña a marcha que sairá ás 9:00 horas desde o Mosteiro de Oia.
Nesta edición haberá 3 tramos, un curto de 85 km que pasará pola Guarda, O Rosal, Tomiño, onde comezará o primeiro tramo libre de 10 km, por Cristelos ata o avituallamento do alto de Pinzás. Unha vez avituallados e reagrupados, o pelotón baixará a Sabarís e continuará por Baiona cara a Mougás para que finalicen en Oia os participantes aos que lles chegue con esta distancia. Os demais afrontarán en Mougás os seguintes 20 km restantes co segundo tramo libre da xornada, a subida de 7 km a Cruz de Pau e dirixirse en Torroña cara ao alto da Valga, para baixar e finalizar no campo de fútbol de Oia sobre as 13:30 horas, completando así os 100 km do percorrido medio.
Para os máis atrevidos haberá un terceiro tramo libre, en Torroña baixada cara a Burgueira e subir ao Alto de Sijente coas súas duras ramplas próximas ao 20 %, continúase cara ao alto da Valga e baixada a Oia para finalizar con 105 km. Neste tramo ao coroar o alto de Sijente, entregaráselle aos ciclistas unha medalla conmemorativa de completar o tramo máis duro e longo.
Un ano máis se segue coa idea de promocionar turisticamente a zona coa práctica do ciclismo, por iso organízase a marcha sen ánimo de lucro, cun baixo prezo de inscrición de 15 € para os ciclistas federados e de 25 € para os non federados, que inclúe a licenza de 1 día, asistencia médica e mecánica, avituallamentos de sólidos e líquidos, 1 rifa para o sorteo de agasallos e 1 camiseta conmemorativa para os 100 primeiros inscritos, entre outras prestacións.
Previamente, o sábado celebrarase a Festa da Bicicleta, onde poden participar persoas de todas as idades coa inscrición gratis. Ao finalizar sortearanse dúas bicicletas e diversos agasallos entre todos os participantes.
O domingo os acompañantes dos ciclistas poderán gozar dunha Camiñada turística de 10 km., polos barrios da costa de Oia, Pedornes e Camiño Portugués da Costa. Ás 14:30 horas terá lugar a comida de fin de marcha no Hotel A Raíña, onde se fará a entrega dos diversos recordos.
Debido a que as prazas son limitadas é necesario realizar a inscrición antes das 22:00 horas do día 18 de xullo en www.magmasports.es. Organiza Ciclismo Oiense, coa colaboración do Concello de Oia, Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Ciclismo e diversas firmas comerciais. Máis información en www.ciclismooiense.com e no teléfono ou WhatsApp 666 609 410.

