Carlos Gómez inicia as negociacións para gobernar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Carlos Gómez.

Os resultados obtidos nas eleccións da pasada fin de semana marcan o inicio dun novo período político na comarca e as maiorías obtidas polos socialistas de Nigrán e Gondomar deixan clara cal será a folla de ruta a seguir de aquí aos próximos catro anos, con todo o contexto en Baiona é completamente diferente. Se en 2015 foron capaces de comezar a gobernar cunha maioría absoluta, a situación agora é diametralmente oposta e xa comezou a conta atrás para iniciar o período de negociacións para a investidura do 15 de xuño.

De momento, apunta a que acabará gobernando o PSOE con Carlos Gómez á cabeza aínda que os populares de Ángel Rodal non o teñen todo perdido. Gómez, pola súa banda, afirmou nunhas declaracións feitas a este diario que onte tarde se puxo en contacto co PP para trasladarlle as súas intencións de facer todo o que estea na súa man para optar ao goberno, e hoxe farao co BNG como primeira toma de contacto ante a posibilidade dun achegamento que lles permita asumir o bastón de mando, e que de cumprirse deixaría a Cs fóra da ecuación para dar paso ao denominador común en todas as combinacións posibles, o grupo independente NÓS formado por Carlos de la Peña. O tripartito formado por BNG, PSOE e NÓS sería o máis consistente de todos xa que sumarían un total de 10 concelleiros dos 9 necesarios para gobernar con maioría absoluta. De calquera modo Gómez afirmou que comezarán a obter as primeiras conclusións a partir de mañá xoves.

Iago Pereira, do BNG, adiantou que poñerán toda a carne no asador para tratar de que os socialistas gobernen este mandato “tanto en maioría como en minoría”, mesmo coa posibilidade de que o fagan con Cs quedándose como grupo da oposición pero sempre “garantindo unha gobernabilidade”. Con todo Pereira non descarta abrirse ao diálogo cos populares, “pero descartando calquera tipo de acordo por motivos ideolóxicos”. Con todo o portavoz do grupo nacionalista engadiu que agora é a quenda do partido máis votado para que “mova ficha”. “Imos esperar a que o PSOE faga os movementos que considere xa que son a primeira forza e a partir de aí decidiremos”, engadiu Pereira. En canto ao triángulo formado polo grupo de De la Peña, o portavoz do BNG mantén que “tampouco o descartamos, pero esta combinación tería que ser aprobada en asemblea aínda que por agora todo é unha incógnita”.

Por outra banda queda a posibilidade de Cs liderada por Adolfo Valverde, cun concelleiro, e que podería pasar a formar parte activa do goberno tanto co PP como co PSOE aínda que sen ser tan determinante como NÓS. Valverde pola súa banda afirmou trasladar todas as combinacións posibles á secretaría xeral do partido e que esperarán ata mañá para recibir as primeiras directrices aínda que a súa postura é similar á adoptada polo BNG pero máis condicionado ao grupo de De la Peña. “Esperaremos a ver que adopta facer NÓS porque se pacta co PP nós seremos a chave, pero se o fai co PSOE poderiámonos quedar fóra ante a posibilidade dun entendemento co BNG”, afirmou. De calquera modo Valverde adiantou que non se entregarán ao mellor ofertante senón que presentarán as súas condicións programáticas e particulares, «tanto para un grupo como para o outro».