Baisenpulgas necesita axuda para pagar 8.000 € en veterinarios

FOTO: BAI.SENPULGAS // Algúns peludos na protectora.

No que vai de ano, a protectora de animais Baisenpulgas leva recollidos 116 animais, dos cales 58 foron cans e 59 gatos. Todos eles saen desparasitados, vacinados, con chip e esterilizados se son maiores de 6 meses. Castraron 32 gatos de colonia, que tamén se desparasitan, marcan, fáiselles un seguimento e aliméntanse para que non molesten aos veciños. “Este ano comezamos forte, traballando duro, sempre tentando axudar e chegar a todos os que nos piden axuda aínda que ás veces énos imposible, por cumprir a lei, por medios e por espazo”, sinalan desde a asociación.

A protectora miñorana leva pagados con doazóns particulares a veterinarios ata hoxe 31.377,64 €, 9.459,10 en xaneiro, 6.384,19 en febreiro, 5.449,20 en marzo, 3.440,83 en abril e 6.645,32 en maio. “Debemos aos nosos veterinarios unha media de 8.000 € a maiores que temos que pagar para que poidan seguir atendendo aos nosos animais. Temos pendentes estas cousas: Cofry, ecocardio (90 €); Rufi, ecocardio (90 €); Sumatra, Tac e cirurxía de oído (1200 €); Adael, cirurxía de xeonllo (400 €); Nerón, quitar implantes (200 €) e Casper, cirurxía dental (300 €). Tamén están pendentes de poñer 25 chips a cans novos e cachorros a 30 € cada chip (750 €), 15 esterilizacións de cans e gatos (1.700 €), e 120 vacinacións (2.400 €)”.

Desde Baisenpulgas aseguran que “este ano é demasiado para nós e isto vai en aumento, necesitamos moita axuda. Tamén necesitamos voluntarios, casas de acollida, adopcións… Sen todos vós isto é imposible de conseguir, o voso esforzo está a dar resultado. Axúdanos a axudarlles!”. Todo aquel que queira colaborar pode facelo na conta ABANCA ES30 2080 5015 6130 4002 8917, indicando nome completo e DNI, ou a través de Teaming ou PayPal. Máis información no teléfono 645 181 585.

Anuncios