
O domingo deu inicio o Campus de Primavera Alquimétricos Maio-Xuño 2019, como mecanismo e ferramenta necesaria de liberación e descentralización dos saberes suxeitos ás lóxicas directivas, limitantes e competitivas das elites academicistas amparadas polo poder capitalista; para fomentar outros xeitos de aprendizaxe máis abertos e libres dende unha óptica humanista, onde o coidado no proceso prime sobre a valoración dos resultados.
Este proceso permite poñer en valor os tecidos educativos alternativos que cada espazo desenvolve no seu día a día. Tamén seguir tecendo redes entre os comúns da contorna, nesa construción de ecosistemas alternativos de vida que imaxinamos e creamos dende cada unha de nós, e en relación coa nosa contorna. Porque o coñecemento é un valor en si mesmo, un dereito de todas. E, como tal, é patrimonio inmaterial do común da humanidade.
Este campus é coordinado en Rede entre Espacio Foresta (Gondomar), MilRamas (Gondomar), Ecolectivo (Vigo) A Cova dos Ratos (Vigo) e a Casa Colorida (Nigrán).
O domingo iniciouse coa presentación do Campus de Primavera Alquimétricos na Casa Colorida (Rúa Rosalía de Castro 16, Nigrán). Onte luns en Foresta-Espacio de Aprendizaje en la Naturaleza (Salgueiro 36, Gondomar) o pasaron en grande coa proposta de creación de xoguetes con infinidade de posibilidades e poucos recursos. En canto observaron o material, as crianzas expuxeron un bo reto: construír un espinosaurio cos paus e os conectores de Alquimétricos. Con moitas ganas e moito entusiasmo… Con eses ingredientes non podía saír mal o experimento.
Segue hoxe martes en MilRamas (Rúa Moreira 1, Mañufe-Gondomar) co espazo de Xogo Libre para crianzas. Un espazo onde montar e desmontar, pensar coas mans, descubrir e redescubrir materiais, aproveitar os recursos abundantes e pensar solucións creativas e colectivas para desafíos frecuentes. Deseñarán os xoguetes que lles gustaría ter tido e celebrar a oportunidade de facelo xuntas.
O xoves 30 segue no Ecolectivo (Camiño do Monte da Serra 38, Vigo) coa Intervención colectiva no espazo público experiencia. Fabricarán xoguetes didácticos construtivos no acto, con mínimos recursos e infinitas posibilidades, para compartir en familia e a gozar, a pensar coas mans, a armar e desarmar. Van a construír estruturas xeométricas empregando o sistema Alquimétricos, unha iniciativa aberta e colaborativa de educación e diversión accesible e inclusiva, para que todos poidan aprender sobre tecnoloxía, ciencia e artes con os materiais e ferramentas que temos a man.
E finalizará este marabilloso campus o domingo no CSA A Cova dos Ratos (Rúa Romil 3 baixo, Vigo) coa #HACKATÓN: co-creando solucións locais. Alquimétricos é un sistema para crear construcións xeométricas de forma áxil, simple e barata. Un truco para hackear e reciclar todo tipo de materiais con ferramentas súper baratas e que atopamos no caixón de calquera taller. Con elas podemos crear pequenos conectores de diversos materiais que, unidos a varillas de todo tipo e tamaño, permiten crear todo tipo de estruturas xeométricas, cúpulas xeodésicas, a forma da arquitectura máis eficiente, modular e escalable que podemos atopar. Convertemos este sistema nunha estratexia didáctica para empoderar pequenos e grandes para aprender xogando a producir seus propios módulos e construír infinitas posibilidades para a escola, a casa ou o campo, pensando principalmente nos que menos recursos e máis necesidade teñen.