Carlos de la Peña apunta a un pacto de esquerdas en Baiona

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Carlos de la Peña.

Os resultados obtidos en Baiona abren un clima de incerteza sobre quen e en que modo gobernará de aquí ás eleccións de 2023 despois do empate a seis concelleiros obtido polo PSOE de Carlos Gómez e o PP de Ángel Rodal. A pesar de todo nas configuracións posibles xorde un novo factor determinante que non é outro que NÓS, un partido independente e de recente creación encabezado polo histórico Carlos de la Peña, que gobernou anteriormente en Baiona baixo a batuta do grupo socialista, ao aparecer a priori en todas as combinacións posibles, e na única viable para os populares.

De la Peña, consciente de que a chave de goberno está no seu peto, explicou que o obxectivo proposto polo seu grupo para impedir novas maiorías absolutas cumpriuse con fartura, e entrarán a formar parte activa da configuración política de aquí aos próximos catro anos. Así pois, manifestou que pola súa banda está aberto ás negociacións sen atender a cores políticas aínda que tamén é certo que asegura ter máis afinidade programática cos socialistas que cos populares. “Estamos nun momento en que os cambios son posibles, eu fun militante do PSOE durante 30 anos e un pode abandonar un partido pero non as súas ideas”, explicou. De la Peña mantivo que aínda que o seu equipo está formado por persoas de diferentes ámbitos ideolóxicos, “o certo é que o noso programa e visión de Baiona é de progreso social, de apoio dos máis débiles e necesitados”. Aínda así o líder de NÓS tampouco se pecha a tenderlle a man ao grupo de Rodal “sempre que respecten a nosa esencia”.

Así pois das tres posibilidades de pacto posibles tanto o triángulo composto por PP, Cs e NÓS como PSOE, Cs e NÓS sumarían un total de 9 concelleiros, os necesarios para unha maioría que permita gobernar con autonomía. Con todo a configurada por PSOE, NÓS e BNG outorgaríalles un total de dez o que os colocaría en clara vantaxe fronte ao resto de grupos. “Este sería un goberno moi potente” engadiu, aínda que tampouco descarta o binomio PSOE-NÓS, aínda que xa aquí con oito concelleiros o que supón un mandato en minoría.

O que está claro é que tras os resultados obtidos o pasado domingo deixan claro que NÓS será un factor para ter en conta durante todo o mandato e que o grupo independente viu para quedar.

Anuncios