O PSOE de Paco Ferreira consegue a maioría absoluta en Gondomar

O Partido Socialista de Paco Ferreira conseguiu a maioría absoluta nas eleccións celebradas este domingo. Os socialistas obtiveron 4.249 votos, 2.294 máis que en 2015, pasando de 4 a 9 concelleiros. Ferreira valorou os resultados como “moi bos”, e destacou tamén a vitoria na Entidade Local Menor de Morgadáns, con Alfonso Misa como candidato. “A xente ao final ve os feitos e nas municipais é obvio que ao final votan máis ás persoas que ás siglas”.

A lista do Partido Popular, con Paula Bouzós como candidata, mantén os 4 concelleiros tras obter 1.733 votos, 64 máis que nos anteriores comicios. A candidatura de Manifesto Miñor, liderada por Antonio Araújo, e a de Cidadáns, con Manolo Gómez como cabeza de lista, perden representación, pasando dos 3 concelleiros actuais de ambas as dúas formacións a 2 e 1 respectivamente. Manifesto Miñor-En Marea conseguiu 1.005 apoios, 363 menos, e Cidadáns -en 2015 baixo as siglas de IXG-, 671, 597 menos.

O BNG, con Manuela Rodríguez Pumar á fronte, volve á corporación municipal con 1 concelleiro tras recibir 450 votos. CABE perde os seus 3 concelleiros.

En Gondomar votaron un total de 8.651 veciños e veciñas, o que supón o 71,20% -69,99% no 2015-. Rexistráronse 79 votos en branco e 93 nulos.

Anuncios