Vigo, Canido, Corcubión e Baiona xóganse o Trofeo Baitra

A partir de mañá sábado, novos regatistas de Vigo, Canido, Corcubión e Baiona, disputaranse o Trofeo Baitra de Vela Infantil, que durante dúas xornadas encherá de velas a baía baionesa.

O campionato autonómico, que busca impulsar a vela de base en Galicia, está organizado en exclusiva para regatistas da clase Optimist, a embarcación máis empregada para iniciarse no mundo da navegación de forma individual, dada a súa sinxeleza, estabilidade e fácil manexo.

Os participantes disputaranse a vitoria nun máximo de seis probas, con percorridos en forma de trapecio que supoñerán uns corenta minutos de navegación. A primeira das saídas darase mañá sábado ás dúas e media da tarde e as últimas mangas celebraranse o domingo a partir das once e media.

A previsión meteorolóxica anuncia boas condicións de vento e mar para a navegación, cun vento do nornoreste que superará os 14 nós na primeira xornada, chegando mesmo ata os 18, e algo máis frouxo na segunda.

Todos aqueles que queiran gozar da regata e ver aos nenos competindo en Baiona poderán facelo desde os arredores da baía, en lugares como o paseo que rodea ao Parador Nacional, Praia América ou Monte Lourido.

Na anterior edición do Trofeo, os clubs náuticos de Vigo e Canido foron os que subiron un maior número de representantes aos podios de gañadores.

Anuncios