O conto dos Bolechas “Que ben nos tratan en Nigrán” promove a educación en igualdade

O Concello de Nigrán iniciou hoxe no CEIP A Cruz de Camos o reparto de mil unidades do conto dos Bolechas titulado “Que ben nos tratan en Nigrán!”, dedicado a promover a educación en igualdade dende a infancia. A iniciativa, que conta cun investimento de 6.136 € dos que 3.860 € forman parte dunha subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, permitirá que se repartan entre todos os escolares do municipio de 3 a 7 anos de idade. Cada exemplar inclúe tamén unha pequena guía con exercicios para que as nenas e nenos realicen após a lectura da obra.

As famosas personaxes infantís, creadas polo debuxante e guionista Pepe Carreiro, viven durante un paseo por distintos puntos emblemáticos de Nigrán (A Foz do Miñor, o Templo Votivo, a Praia de Patos, a ponte romana… ) unha experiencia na que se van desmontando estereotipos sexistas moi enraizados na sociedade. Os Bolechas mostran, por exemplo, que non hai xoguetes nin cores para nena ou neno, que os bebés poden coidalos igual os homes que as mulleres, ou que mulleres e homes poden practicar os mesmos deportes. O conto, que arranca na Praza do Concello, remata no Pazo da Touza comendo todos roscón de Camos.

O obxectivo desta iniciativa do Concello é traballar a igualdade de xénero xunto con conceptos como a tolerancia, o respecto, a empatía, a autoestima ou a autoconfianza.

2019-05-24 - BOLECHAS (1)ok