A última fase da humanización de Sabarís comezará tras o verán

Recreación do resultado final dos traballos na Praza Victoria Cadaval en Sabarís.

O inicio da última fase de humanización da avenida Julian Valverde en Sabarís xa ten data. Comezará a finais deste verán e terá un prazo de execución estimado de nove meses actuando sobre os 4.000 metros cadrados existentes entre o tramo comprendido desde o cruzamento con José Pereira Troncoso e a rúa Porta do Sol. Así mesmo levarase a cabo unha transformación integral da Praza Victoria Cadaval, que será desmontada completamente e quedará ao mesmo nivel da rúa, para o que será necesaria a nivelación do terreo. Así o adiantou o concelleiro de Urbanismo Jose Ángel Bahamonde tras recibir o proxecto definitivo por parte da Xunta de Galicia elaborado por SGS Tecnos, cuxa execución se atopa na fase de licitación.

Así pois, unha vez rematadas as obras darase por concluída a humanización na totalidade da parroquia baionesa cuxa primeira fase comezou en 2012 co tramo comprendido entre a rotonda que dá acceso á urbanización Puente Romano ata o Casino. Os traballos comezarán case tres anos despois de finalizar as últimas actuacións na rúa Areas debido ás obxeccións interpostas pola Dirección Xeral de Patrimonio sobre os proxectos iniciais, relacionadas coa protección da ponte Románica e do Camiño de Santiago xa que as actuacións afectarán directamente sobre a contorna sobre o que se asintan. Co fin de velar pola seguridade do conxunto arquitectónico, as primeiras prospeccións estarán supervisadas por un arqueólogo que traballará directamente sobre o terreo comprobando que se leven a cabo segundo o establecido. Ademais prestará especial atención á posibilidade da aparición do camiño romano orixinal coas primeiras escavacións, que lles obrigaría a modificar o seu plan de ruta.

Bahamonde explicou que os traballos adxudicados por 998.282 euros buscarán a concordancia coas actuacións realizadas previamente para dar unha imaxe de unidade ao conxunto e para iso serviranse do mesmo tipo de materiais utilizados, principalmente pedra aínda que tamén se servirán de aceiro inoxidable e madeira. Ademais o conxunto trata de buscar a sensación de amplitude mediante os espazos abertos, deixando toda a superficie nunha plataforma única e dotarán a zona de mobiliario urbano en pedra con respaldos de madeira resaltando a ponte románica e serviranse de varandas metálicas para acoutar a zona do río da praza. Ademais as actuacións contemplan a substitución de toda a rede de saneamento e implantarán outra separativa, procederán ao soterramento da rede eléctrica, gas e telecomunicacións. Por outra banda, unha vez finalizadas as obras procederase á reordenación do tráfico rodado e implantarán un só sentido de circulación.

Anuncios