A Deputación da o pistoletazo de saída aos Festivais Rías Baixas 2019

O Palacete das Mendoza en Pontevedra acolleu esta mañá a presentación dos Festivais Rías Baixas 2019 que comezarán o 4 de xullo co PortAmérica en Caldas de Reis (4-6 de xullo), continuarán co Vive Nigrán (19-20 xullo), SinSal na Illa de San Simón (25-28 de xullo), Atlantic Fest na Illa de Arousa (26-27 xullo), SonRías Baixas en Bueu (1-3 agosto) e se estenderán ata 11 de agosto, día de remate dos festivais Revenidas en Vilagarcía e O Marisquiño en Vigo (que terán lugar entre o 9 e 11 de agosto). A presidenta da Deputación amosou o seu orgullo destacando que “temos unha provincia con moito futuro, que está a poñer en marcha moitas iniciativas como esta que están a crear actividade económica”.

Carmela Silva, acompañada dos e das promotoras dos sete festivais, convidou á cidadanía da provincia a asistir a este eventos para “desfrutar da mellor música, nos mellores espazos e rodeadas e rodeados da mellor xente”. Neste eido Silva, amais da música que é seu principal atractivo, puxo en valor aos homes e mulleres que os organizan “que dan a mellor cara da provincia de Pontevedra”; tamén ao espazo “paradisíaco” no que se desenvolven e á gastronomía que os complementa. “Cando a xente chega aos nosos festivais vive un mundo de experiencias, de emocións, de sensacións que teñen como obxectivo final acadar a felicidade”, destacou a presidenta provincial.

Silva tamén subliñou a capacidade de compromiso dos festivais coa igualdade e co medio ambiente. “Falamos de festivais que apostan polas mulleres no mundo da música pero que tamén teñen un compromiso contra as violencias machistas e co medio ambiente, apostando para que os festivais sexan contornas máis seguras e máis respectuosas”. Neste eido tamén incidiron as e os responsables dos festivais que agradeceron á Deputación o seu apoio “para mellorar cada ano e atender mellor ao público que nos visita”.

Neste 2019 os festivais Rías Baixas promoveranse como #FameDeFestivais no marco da campaña de promoción turística “Fame de experiencias”, escollida pola Deputación para divulgar a provincia de Pontevedra. “Hai moita #FameDeFestivais xa que a industria musical na nosa provincia ten un presente extraordinario e un futuro envexable e isto acontece porque aquí hai moito talento e moito traballo para impulsar uns festivais que son xa hoxe unha referencia galega, nacional e internacional e que ano tras ano son máis potentes”, destacou a presidenta.

O acto de presentación dos festivais Rías Baixas contou coa degustación de sidra ecolóxica “Camino” da Estrada, de cervexa “Nasa” e das “Xacobleas”. Ao respecto, a presidenta provincial subliñou que se trata de produtos de calidade impulsados por emprendedores e emprendedoras comprometidos co territorio e coa sustentabilidade.

Anuncios