
Manifesto Miñor denuncia nun comunicado que na Praza Paradela utilizáronse lousas de granito de 12 cm e non de 15 como figura no proxecto e no orzamento aprobado. “A Praza da Paradela ten unha extensión de 3000m/2. O proxecto de empedrado duro para este recinto incluía unha sección da pedra de 15cm, grosor innecesario propio das épocas do malgasto e corrupción. Así estaba presupostado e así existe a intención de ser cobrado. Pero a realidade non concorda co orzamento. Na verdade, foron colocadas unha boa porcentaxe de metros cadrados con lousas de pedra cun ancho inferior ao figura no proxecto, concretamente 12”, advirte Xosé Antón Araúxo.
Segundo o concelleiro de Manifesto Miñor, nas certificacións de obra, xa recibidas e validadas polo Concello, tampouco figura esta circunstancia, nin aparece compensación algunha para o erario público por esta falta de volume. Nos orzamentos que este grupo ten solicitado a empresas do sector, constátase unha diferenza de 6€ por metro cadrado como mínimo, polo que estariamos diante dun sobrecuste inxustificado que se achega aos 20.000€.
“Non sabemos se existe algunha razón que xustifique esta anomalía, xa que na documentación administrativa oficial non aparece. Desde Manifesto Miñor, solicitamos que se faga unha peritaxe, con catas, para constatar a superficie total na que se empregou pedra de 12cm, en lugar dos 15 cm presupostados. Esta praza que podería ser o centro da imaxe dun Gondomar natural e que finalmente quedou nun empedrado duro, que os rigores climáticos do calor do verán e dos fríos dos inverno converterán nun hábitat pouco amable coa cidadanía. Actuación que finalmente deu nunha copia dun desubicado casco histórico urbano. Agora, tampouco cadran as contas da súa construción”, lamenta Araúxo.
“Desde Manifesto Miñor, comprometémonos a facer unha auditoría no próximo mandato municipal de todas as obras encargadas desde a alcaldía neste período, para avaliar se as adxudicacións ás empresas adxudicatarias e os montantes gastados, se empregaron como indica a lei da contratación pública. Este dato é especialmente doloroso, cando en moitos lugares de Gondomar non hai saneamento, ou están en condicións insalubres, ou hai carencias básicas nas parroquias”, conclúe o concelleiro.