Sin categoría

O IEM homenaxea este xoves a Antonio Fraguas

Este xoves 23 de maio o Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración co Concello de Gondomar, celebrará unha homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedica este ano a data das Letras Galegas.

Camiño Noia Campos, catedrática emérita de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, ofrecerá unha charla sobre este narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade moi pouco común, que contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.

O grupo Teatro do Ar, representará a obra “Distintas compañías” inspirada en contos e lendas recollidas por Antonio Fraguas.

Acompañando á palabra e a escena, estará a actuación de Urbano Cabrera, cantautor galego de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, dende o folk ata o blue.

O primeiro disco de Urbano Cabrera, “Tarantela”, saíu á luz en 1996, ó que seguirán “Segundo Andar” no 2000 e “Penalba” en 2004. En 2018 edita o recompilatorio “Selección”, tanto en formato físico coma en streaming. En maio de 2019 sairá publicado o seu derradeiro traballo “Soñarás en maio coas chuvias de abril”.

O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10 Baixo, ás 20:30 horas.