Sin categoría

Unha trintena de persoas visitan a Foz do Miñor polo Día Europeo da Rede Natura 2000

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Baiona, xunto co Obradoiro de Emprego Valmiemprega III, levaron a cabo unha visita guiada arredor do espazo protexido da Foz do Miñor, co gallo da celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000, xa que este lugar está dentro de dita rede coa denominación de LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e ZEC (Zona de Especial Conservación) coa denominación de A Ramallosa.

En total foron 30 participantes aos que se lles deu a benvida no Centro de Interpretación da Foz do Miñor no Centro Antena de Sabarís, onde se lles deu unha introdución sobre os aspectos máis salientables deste lugar. A continuación iniciouse un percorrido a través do paseo que o circunda facendo diversas paradas para ver a flora, a fauna e os ríos que forman a marisma.

Continuou o itinerario ata a punta de frecha da Ladeira para observar outra perspectiva e continuar coa explicación sobre a formación deste curioso lugar. Finalizou a visita a través da praia da Ladeira ata a zona de recuperación dunar, transmitíndolles aos asistentes a necesidade de preservar os valores naturais do espazo protexido para vindeiras xeracións.