Unha avaría embaza a actuación de Alberto Meira no “Rías”

Unha das datas marcadas en vermello para o gondomarense Alberto Meira era o Rallye Rías Baixas, o de casa, onde ía poñer toda a carne no asador para tratar de estar no ritmo de cabeza e poder optar á vitoria. A proba comezaba con dúas pasadas ao tramo de O Castro, onde Meira facía vibrar á afección con algunha que outra cruzada e soamente cedía un segundo na xeral unha vez completado este pequeno aperitivo.

O sábado amencía cos tramos húmidos e a choiva intermitente poñía moi complicada a elección dos compostos ofrecidos por Pirelli para o primeiro dos tres bucles do día. Os 12 segundos perdidos na primeira especial motivaban a Meira, que marcaba o scratch no seguinte tramo, o de casa, para quedar a só 7 do liderado. Pero no primeiro paso por Salceda ía vir o primeiro xerro de auga fría, pois unha buxaina nunha zona estreita ao principio da especial facíalle ceder 19 segundos.

Aínda que non se daba por vencido, Meira ía seguir sufrindo na seguinte sección, pois a rotura dunha abrazadera facía que se acendesen as alarmas nun DS3 R5 que ía perdendo rendemento ata o punto de ceder 41 segundos en dous tramos, a pesar do cal aguantaba a segunda praza por unha estreita marxe. Lonxe de sentir a presión, continuou atacando na última sección para selar o seu mellor resultado do ano.

“Aínda que o resultado non fose o esperado, estamos moi contentos co noso ritmo, pois no único bucle que fixemos sen problemas, o último, rebaixamos os mellores cronos en cada tramo e é algo que nos dá esperanzas de poder seguir esta senda para dar guerra en Narón e o resto da tempada”, comentaba Alberto Meira en parque pechado.

O equipo AMF Motorsport volverá á carga en menos dun mes, co Rallye de Narón, unha proba que o piloto de Vincios xa gañou en nada menos que tres ocasiones.

Anuncios