Nigrán prevé a creación dun auditorio de uso específico

Nigrán está a estudar a posibilidade de construír un novo auditorio de máis do dobre de capacidade que o existente tras confirmar as limitacións de aforo sufridas durante as últimas actividades celebradas nas instalacións municipais. Así pois para a elaboración do proxecto, que comezará a redactarse para o próximo ano, contarán coa colaboración do seu número 5 da lista, Nuria Lorenzo, fundadora e directora do coro «Gli Appassionati», que contribuirá ao estudo da súa acústica e desta maneira darlle un uso específico. «Para o resto de actividades seguiremos dispoñendo da actual sala situada no edificio anexo ao consistorio», explicou Juan González.

A pesar de que polo momento só se trata dunha declaración de intencións o certo é que xa dispoñen dun solar e dun orzamento estimado dun millón de euros. Estará situado nunha parcela do SAU-6 que dá polos seus extremos ao Camiño Salgueiral e Rúa Illas Estelas de 8.000 metros cadrados de extensión. Ademais prevén dotar á edificación dunha fachada acristalada orientada cara ao litoral independente da sala de concertos, que estará pechada e contará con 600 butacas. «Temos en mente o auditorio situado no Palacio de Congresos de Villanueva de la Serena en Badaxoz, con gran calidade de son e que nos servirá para adquirir unhas nocións iniciais de como se construirá o de Nigrán, aínda que tamén convocaremos un concurso de ideas», explicou. Para finalizar o rexedor engadiu «queremos un elemento no que prime a calidade do espazo e do son».

Anuncios