A falta de socorristas volve afectar ao Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Posto de socorrismo na Ladeira.

Un ano máis a historia repítese e a escaseza de socorristas para dar cobertura aos areais do Val Miñor en tempada alta é un feito. A Xunta constata que a sucursal do INEM en Baiona tan só ten oito rexistrados das trinta e unha prazas solicitadas para este verán. Así o confirmou a Xunta mediante unha notificación de resolución enviada á Mancomunidade amparada polo “Programa Lifeguard: Servizo de salvamento e socorrismo nas praias da Mancomunidade» e á que este diario tivo acceso.

Así pois a Administración subvencionará aos concellos cun total de 24.000 euros para posibilitar a súa contratación e cuxa data límite para presentar a documentación requirida finaliza o 1 de xullo, momento no que en circunstancias normais lévase a cabo o izado das bandeiras azuis.

Con todo, tanto a Baiona como Nigrán teñen por diante unha carreira de fondo, para completar o persoal requirido e atopar no prazo de mes e medio os 22 restantes, que no caso da vila mariñeira permitiríalle dar por comezada a tempada alta de maneira oficial nos seus areais e cos estandartes ondeando no alto dos seus mastros. Agora tanto o alcalde baionés, Ángel Rodal, como o nigranés, Juan González, atópanse estudando a maneira de captar profesionais antes de ter que convocar un novo concurso externo á Xunta, e para o que necesitarían ao redor de 40.000 euros necesarios para financiar o servizo. Rodal, pola súa banda, explicou que están a barallar a posibilidade de solicitar á Administración que recorran ás bolsas de emprego do servizo público existentes en municipios próximos e desta maneira non perder as axudas solicitadas.

Con todo o contexto actual difire en gran medida de anos anteriores despois de que Nigrán comunicase a súa renuncia para optar polos distintivos, un feito que neste sentido beneficia á vila mariñeira xa que podería levantalas cun mínimo de 14 socorristas. A pesar de todo, tanto Rodal como González recalcaron que a súa prioridade é a de garantir a seguridade en todas as súas praias e neste sentido Baiona non descartaría renunciar a algún estandarte se fose inevitable.

Praias de Nigrán, a punto

En relación coas dúbidas xurdidas tras a renuncia de Nigrán ás bandeiras, González asegura que a ausencia en Praia América, Panxón e Patos “non afectará nin á calidade das augas nin á dos servizos nas praias”. O rexedor afirmou que xa comezaron coa campaña de limpeza mediante maquinaria específica e desta maneira ter todo a punto para a chegada do verán. En canto ao mantemento de elementos tales como pasarelas, servizos, duchas ou accesos, entre outras, afirmou que xa se atopan traballando niso.

Como novidade o rexedor engadiu que instalarán un cambiador para os surfeiros nun dos aparcamentos de Patos situado nunha zona coñecida popularmente como «o Pico», e confirmou que nos próximos días comezarán cos traballos de reposición en tres das entradas á praia, dúas delas na zona anteriormente mencionada e a última nas proximidades ás escolas municipais. Trátase de ramplas de madeira que na actualidade están moi danadas tras a erosión do mar que deu como resultado a rotura dalgunhas das táboas que as compoñen. Estas serán substituídas por conxuntos novos financiados polas arcas municipais tras a negativa obtida por Costas.

Anuncios