Samuel Blanco conquista o seu primeiro Campionato de Galicia Elite de CRI

Baixo a choiva e a saraiba, Samuel Blanco deuse un baño de ouro este venres na localidade coruñesa das Pontes. O redondelán do Vigo-Rías Baixas adxudicouse, por primeira vez na súa carreira, o Campionato de Galicia de Contrarreloxo Individual Elite. Un triunfo que estrea a conta de vitorias neste 2019 da entidade presidida por José Luis Chamorro.

A regularidade mostrada por Blanco desde o seu regreso ao conxunto flúor por fin obtivo a recompensa buscada nos últimos meses e nun esixente circuíto de 23 quilómetros non deu ningunha opción aos seus rivais. Dirixido desde o coche por Modesto Pérez, o representante da formación olívica detivo o reloxo en 29 minutos e 31 segundos.

Este rexistro, o mellor de todas as categorías, outorgoulle o título Elite con 19 segundos de vantaxe respecto a outro ciclista con pasado no campo profesional, Óscar González (Supermercados Froiz). O podio completouno Aser Estévez (Ciclismo Oiense), terceiro a 43 segundos.

«As cronos non se me dan mal e sabía que canto máis dura fose, mellor ía adaptar ás miñas condicións», sinalou Blanco, de 24 anos, que nun trazado «durillo» superou aos seus rivais e ás desapracibles condicións climatolóxicas: «Na primeira parte xa me colleu a choiva, o vento sopraba de fronte e antes de virar empezou a granizar. O circuíto estaba perigoso e nas rotondas íase bastante a bicicleta. Para marcar diferenzas había que apertar nos repeitos».

Coa súa primeira vitoria do curso no peto, o de Redondela reforza a súa confianza pensando no seu próximo gran obxectivo unha vez finalizada a Copa de España: «Este test demóstrame que estou ben para a Volta Coruña». Antes de disputar a finais de mes esa rolda, Blanco aspira a asinar o dobrete autonómico este domingo no Campionato de Galicia de Fondo na estrada, unha cita que se celebra no habitual percorrido da Volta ao Ribeiro.