Carmela Silva afirma que “o cambio en Gondomar é rotundo”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, desprazouse esta tarde de sábado ata Gondomar para manter un encontro co candidato á reelección, Paco Ferreira, e integrantes da lista. “O cambio en Gondomar é rotundo”, afirmou Silva. “Hoxe Gondomar é un pobo con espazos públicos para desfrute da xente. Non hai quen recoñeza a Gondomar, é unha vila da que sentirse moi orgullosas e orgullos”, explicou.

Silva defendeu que estes catro anos “foron os mellores da historia de Gondomar”, subliñando a aposta “pola cultura, polo deporte, pola defensa do monte, polo medio ambiente e a igualdade”. “Estou segura de que Paco Ferreira vai ter uns extraordinario resultados e que estes próximos catro anos aínda van facer máis grande a Gondomar”, apuntou.

A presidenta da Deputación mostrouse tamén “feliz” polo papel activo do goberno provincial na transformación da vila, e asegurou que nos próximos catro anos “vou seguir apostando ao lado do alcalde por Gondomar”.

Durante a visita pola vila o alcalde e candidato á reelección mostroulle a Silva os avances feitos na humanización das vilas, remarcando, ao igual que a presidenta, o grande cambio sufrido pola vila grazas ao apoio da Deputación.

Do mesmo xeito, Ferreira tamén puxo sobre a mesa algúns dos proxectos de cara a próxima lexislatura, no que pretende ampliar as zonas humanizadas para que se estendan polo centro da vila, chegando así a máis veciñas e veciños e ampliando o espazo para a convivencia.

Ao principio da visita Silva e Ferreira contaron coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán e candidato á reelección, e xuntos acercáronse ata as IV Xornadas Apícolas que teñen lugar durante esta fin de semana en Gondomar.

Trátase dun evento que celebran entre os tres concellos do Val Miñor, e que, en palabras de González, trátase dunha feira na que os produtores “non só veñen a expoñer os seus produtos, senón que tamén se celebran charlas e coloquios”, e que cada ano conta con participantes de máis lugares.

Anuncios