
A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), en colaboración coa Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, organiza do 16 ao 19 de maio a 7ª edición da Festa da Empanada. Neste evento participarán 12 establecementos hostaleiros de Gondomar, que enxalzan esta delicia culinaria tan arraigada na tradición de Galicia, convidándonos a facer un percorrido gastronómico no que poderemos degustar diferentes especialidades de empanada.
As persoas que se acheguen a probar estas deliciosas receitas, poderán votar e elixir á “Mellor Empanada 2019”, a través das papeletas que se poderán atopar en todos os establecementos participantes e as cales deberán ser depositadas, unha vez cubertas correctamente, nas urnas dispostas para tal efecto.
Este ano contan co patrocinio de Viaxes Val Miñor en Sabarís. O premio que se sorteará entre todos os votantes é unha Escapada Termal para dúas persoas no Hotel Spa Vila de Allariz 4* (Allariz – Ourense) con aloxamento e almorzo, incluíndo 1 sesión (2 horas ininterrompidas) de circuíto termal por persoa.
Desde OVALMI animan a visitar Gondomar e degustar as deliciosas empanadas preparadas por grandes hostaleiros da Vila.