
A Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Veterinaria veñen de acordar a identificación de ata 400 exemplares de gando equino que viven en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes da provincia, dando así resposta á inquedanza das comunidades de montes e ante a inacción da Xunta de Galicia. En total, a institución provincial inviste na actuación 9.600 euros co obxectivo de preservar o valor etnográfico, turístico, medioambiental e sostible das explotacións gandeiras tradicionais, ao tempo que impulsar o cumprimento da normativa vixente relativa á identificación dos équidos.
Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “hai moitas experiencias para vivir na provincia de Pontevedra e, no caso do gando equino, falamos de tradicións, de algo que nos identifica dunha forma moi especial, que vive libre nos nosos montes onde desenvolve un papel fundamental no coidado e preservación do medio ambiente”. Neste eido, Silva incidiu na necesidade de apoiar este tipo de explotacións gandeiras “con todas as garantías” e na importancia de identificar os équidos para cumprir a normativa vixente.
Pola súa banda, o presidente do Colexio Oficial de Veterinaria, Luis Núñez Desiré, agradeceu o compromiso da Deputación “que aínda que non ten competencias, con esta axuda para identificar o gando equino marca unha referencia a nivel galego xa que é a primeira administración que o fai”. Neste contexto, Núñez explicou que a aportación da Deputación para a identificación dos équidos permite reducir o 70% do custe que suporía esta actuación para as persoas gandeiras.
En total, a través desta iniciativa, vanse identificar ata 400 équidos dos que 140 viven na Serra da Groba (Val Miñor e Baixo Miño), outros 40 están vencellados co Curro de Morgadáns (Gondomar), 25 co Curro do Galiñeiro (Gondomar), 25 pertencen ao Curro de Amil (Moraña), 60 ao Curro de Cuspedriños (Cerdedo-Cotobade), 50 son do Curro de Sabucedo (A Estrada) e outros 60 doutros curros da provincia situados na Serra do Suído (comarcas de Vigo, Pontevedra, O Condado e A Paradanta), Monte Xiabre (comarcas de Caldas e O Salnés), na Serra de Conla (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra), Monte Castrove (comarcas de Pontevedra e O Salnés), Monte Xaxán (O Morrazo), Serra do Cando (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes), Monte Castro Sebil (comarcas de Caldas e Terra de Montes), montes da Paradanta (comarcas do Condado e A Paradanta) e Serra do Faro do Avión (A Paradanta).
O sistema de identificación, tal e como explicou a presidenta, inclúe un documento permanente único, un microchip e unha tarxeta de movemento equino editada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Amais, o gando equino identificado formará parte dunha base de datos.