Chandebrito 1807 denuncia unhas pintadas no muíño das Chans dos Cruceiros

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807, logo de recibir aviso da veciñanza ao respecto, vén de denunciar ante as autoridades policiais un acto de vandalismo protagonizado o pasado fin de semana (3-4 de maio) no muíño de auga das Chans dos Cruceiros, no camiño da Lapela, do Barrio da Igrexa, na parroquia de Chandebrito. Concretamente, o referido inmoble sufriu pintadas de cor negro no lateral Oeste, ao igual que un cartel de obra que se arrincou na contorna deste muíño.

Trátase dun ben cultural catalogado como tal, polo que é obxecto especial de protección patrimonial. Por elo, solicitou que se abra unha investigación co fin de determinar o/s responsable/s desta actuación e se adopten medidas contra os mesmos, así como a reparación dos danos causados.

“Desde esta agrupación non imos tolerar agresións ao patrimonio natural e cultural da parroquia, polo que vémonos na obriga de poñer os feitos en coñecemento das autoridades pertinentes, ofrecendo aos mesmos toda a colaboración posible para que se reparen os danos, concienciar á poboación na defensa do noso patrimonio, e que no futuro non se repitan feitos tan lamentables como este”, sinalan desde a Asociación.

Anuncios