O Vigo-Rías Baixas quere poñerlle a guinda á súa Copa de España no GP Macario

Moito en xogo, e todo bo, para o Vigo-Rías Baixas este domingo na última xornada da Copa de España. A entidade presidida por José Luis Chamorro aspira a pechar ao grande no Gran Premio Macario a mellor Copa de España da súa historia. Na clasificación por equipos busca a cuarta praza e a nivel individual Carlos Cobos e Samuel Blanco optan a terminar entre os dez primeiros da xeral.

A actuación dos pupilos de Gorka Beloki o pasado mércores na Santikutz Klasika non só permitiulles deixar moi encarrilado o obxectivo de lograr a quinta posición por escuadras, senón que os meteu de cheo na pelexa polo cuarto posto. Nestes momentos ocúpano empatados co Supermercados Froiz. As dúas formacións galegas suman 237 puntos, mentres que o Kuota aparece na sexta con 214.

A regularidade de Cobos e Blanco resultou clave para que o Vigo-Rías Baixas estea a romper o seu teito na Copa de España, dado que a súa mellor clasificación histórica é a novena praza conseguida o ano pasado. Os resultados asinados polo corredor de Azuaga e o de Redondela situáronos na táboa individual no décimo e no undécimo chanzo, respectivamente.

O estremeño acumula 200 puntos e a marcadora do galego reflicte 179. Por encima de ambos se atopa Iñigo Elosegui (Lizarte), con 225 puntos, e por baixo Iván Cobo (Gomur), con 175. Nunca un corredor do equipo olívico finalizou dentro do Top-10.

Os últimos puntos deste certame, que consta de nove xornadas, repartiranse na localidade madrileña de Alcalá de Henares. Ás 09:30 horas darán inicio os 155 quilómetros dun percorrido rompepernas, con cinco ascensións puntuables, catro delas de terceira categoría e unha de segunda. Julián Barrientos será a outra gran baza do Vigo-Rías Baixas e o sete flúor complétano David Domínguez, Jaime Guzmán, Alejandro de Rozas e Santiago Martínez.

Anuncios