A Comunidade Educativa do Humberto Juanes agradece o apoio de todos os partidos políticos de Nigrán

A alimentación é un dos piares fundamentais da saúde dos nosos fillos e fillas xa que a través dela reciben os nutrientes necesarios para o seu óptimo crecemento e desenvolvemento. É moi importante dar un paso á fronte, cara hábitos alimenticios que contrarresten a tendencia do uso de produtos ultraprocesados cun baixo ou case nulo valor nutricional a través de ingredientes como azucres refinados, graxas vexetais pouco saudables, fariñas refinadas, aditivos de todo tipo e exceso de sal.

A Comunidade Educativa do CEIP Humberto Juanes de Nigrán quere poñer de manifesto o seu sincero agradecemento a todos os partidos políticos que actualmente están representados no Concello de Nigrán (BNG, NIGRÁN DECIDE, PP, PSOE, e UCN) pola súa sensibilidade manifesta en todo momento coa súa proposta de apoiar por unanimidade cunha moción no pleno a modificación de crédito para realizar o proxecto da cociña do centro, “que supón toda unha aposta a favor da calidade do ensino público”, sinala Cristina Fernández Piñeiro, Presidenta do Consello Escolar.

“Unha boa iniciativa por parte de todos eles que por primeira vez dan un paso adiante para que os nenos e nenas de Nigrán dos centros de ensino infantil e primario que así o desexen poidan solicitar á Xunta de Galicia como cociña a habilitada no CEIP Humberto Juanes”, conclúen desde a Comunidade Educativa.