Segundo asalto do Trofeo Repsol

Tras un descanso de dous días, mañá regresa á ría de Vigo o Trofeo Repsol – 42º Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates para celebrar a segunda das tres xornadas nas que se decidirá a competición.

Tras a etapa inicial do mércores, os veleiros deberán facer fronte este sábado a dúas novas probas con ventos do nornoroeste de entre 9 e 11 nós. Abrirán a competición cun barlovento-sotavento a partir das doce e media no fondeadoiro das Illas Cíes; e rematarana cun percorrido costeiro que os levará, previsiblemente, por Subrido, Bondaña, A Negra e Carallones, para acabar finalmente no interior da baía de Baiona, fronte ao Parador Nacional.

O Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo, cos irmáns Pérez Canal á cabeza, atópase no máis alto da clasificación dos ORC 1; e na clase ORC 2 vai de líder o Unus do Monte Real Club de Yates, con Luis García Trigo aos mandos. Na disputa pola Copa Luso Galaica de Monotipos J80, lidera a clasificación o Okofen de Javier de la Gándara; e na clase Fígaro, o Bouvento patroneado por Luis Alcázar.

No programa de mañá sábado do Trofeo Repsol, ademais da competición na auga, están previstas unha cea mariñeira ofrecida polo Monte Real, unha degustación de gintonics coa colaboración de Martin Miller Gin e Royal Bliss, e música en directo coa actuación do grupo vigués de música pop La Franga.

Anuncios