Sin categoría

Baiona rehabilitará por primeira vez dúas vivendas para o seu uso social

Tras recibir unha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia por un importe de 80.000 euros e sumada á súa achega de 55.000 euros, o Concello de Baiona rehabilitará as antigas vivendas dos profesores situadas en Sabarís, despois da aprobación da súa desafección da Consellería de Educación, para convertelas en dúas vivendas sociais que serán destinadas para alugar a unidades de convivencia con escasos recursos económicos como vivenda habitual e permanente.

A súa adxudicación realizarase entre os inscritos no Concello de Baiona mediante os requisitos establecidos no “Programa de Vivendas Baleiras” do Instituto Galego de Vivenda e Solo, sendo prioritarios para o seu acceso os colectivos afectados por execucións hipotecarias, por procedementos xudiciais de falta de pagamento de rendas de vivenda, unidades familiares con fillos menores ou familias numerosas, unidades familiares con vítimas de violencia de xénero, unidades familiares nas que existan maiores de 65 anos, beneficiarios de axudas ao aluguer vencidas con especial vulnerabilidade e unidades familiares con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda.

Desde o equipo de goberno apostouse por este proxecto, que consideran tan importante por ser as primeiras vivendas destinadas a aluguer social no municipio, e o obxectivo principal do mesmo é poder facilitar o acceso a unha vivenda a estas familias que teñen especiais dificultades, podendo así permitirse un aluguer que se axusta á súa situación económica e social. Con isto lógrase ademais incorporar un inmoble ao inventario municipal, darlle un lavado de imaxe, xa que se atopa en mal estado, e así mesmo amparar a colectivos que carecen de medios. «Era un inmoble que carecía xa de utilidade e que agora vai estar destinado a un bo uso», destacan desde o Concello.