Nigrán substituirá as lousas da rúa Vista ao Mar por aglomerado asfáltico

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado da rúa Vista ao Mar.

O Concello de Nigrán iniciou xa as obras de mellora da seguridade viaria e de imaxe da zona de Rans-Vista ao Mar (Praia América, barrio de Area) co remodelado da rotonda. Posteriormente, xa en fase de contratación e ao cargo do Plan Concellos da Deputación por importe de 53.000 €, substituiranse todas as lousas de pedra rotas e descolocadas da zona hostaleira de Vista ao Mar por aglomerado asfáltico, ademais de humanizarse a zona verde dos olmos.

O Concello investiu 10.000 € no cambio de imaxe da rotonda de Rans, que foi completamente axardinada e onde se instalaron varias ánforas de cerámica, “a imaxe anterior era moi pobre e impropia dunha zona de praia de gran afluencia turística e sempre moi concorrida”, reflexiona o alcalde, Juan González.

Así, toda a actuación prevista abarca entre a estrada PO-325 e Praia América, incluíndo a zona verde situada no triángulo delimitado polas rúas Vista ó Mar, Areosa e Rans. Actualmente, esa zona atópase pavimentada en pedra completamente rachada ou descolocada, o que contribúe a aumentar o ruído, dificulta a condución e a accesibilidade e provoca moitas caídas. O triángulo dos olmos onde aparcan vehículos será tamén remodelando e humanizado deixando o mesmo número de prazas para aparcar.

“Trátase, en definitiva, dunha actuación para mellorar a imaxe e a accesibilidade de toda esta zona de gran afluencia de veciños e visitantes, xa que está a pé de Praia América e concentra numerosos negocios de hostalería”, insiste González.

ROTONDA RÚA RANS
FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rotonda da Rúa Rans.