O Sergas habilita o mes de maio para o cambio de hospital

A partir de hoxe, 1 de maio, e ata o 31 dese mesmo mes, o Servizo Galego de Saúde abre o período para exercer o dereito para cambiar de hospital, do Álvaro Cunqueiro a Povisa ou viceversa.

Como vén ocorrendo nos últimos anos, Povisa habilitará unhas mesas na planta baixa para facilitar os trámites ás persoas que desexen cambiarse a este hospital. Os interesados deberán acudir provistos do seu DNI e a súa tarxeta sanitaria, en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas, de luns a venres. O persoal de Povisa ocuparase de efectuar todos os trámites e de entregarlles un formulario que deberán encher in situ.

O cambio tamén se pode xestionar nos centros de saúde, onde hai que acudir tamén co DNI e a tarxeta sanitaria, e onde se poderá solicitar o formulario. As persoas que estean interesadas en axilizar o proceso e levar xa o formulario cuberto poden descargalo previamente na dirección www.povisa.es/cambioapovisa.

Este ano, o SERGAS concede o dereito para cambiarse a Povisa a todas as persoas empadroadas en Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Moaña e Cangas. No caso específico de Vigo, só poderán exercer o seu dereito ao cambio as persoas que pertenzan aos centros de saúde de Pintor Colmeiro, López Mora, Nicolás Peña, Navia, Rosalía de Castro, Beiramar, Coruxo e Coia. As persoas adscritas a outros centros de saúde deberán cambiarse primeiro a algún dos centros anteriores e a continuación solicitar o cambio de hospital. As dúas xestións pódense realizar no mesmo momento.

O SERGAS tamén facilita os trámites de cambio vía electrónica, aínda que para iso necesítase firma dixital. Povisa habilitou tamén un correo electrónico, cambio@povisa.es, para responder a calquera dúbida sobre o cambio.