Nigrán ofrece o concerto da “A Banda da Loba” este venres no Auditorio Municipal

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación cultural de Maio dedicada ás Letras Galegas, ofrece este venres ás 21:00 horas no Auditorio Municipal o concerto de “A Banda da Loba” con entrada de balde ata completar aforo. A banda da Loba está a revolucionar o panorama musical galego co seu primeiro disco «Bailando as rúas». Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra ou escritoras do momento. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… A banda de Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aR [r]itmar de música galega portuguesa coa canción «Bailando as rúas».

Anuncios