Bloquinho Aperta ofrecerá un concerto na “II Noite no Conser” de Gondomar

O Conservatorio Elemental de Música de Gondomar celebra a partir desta tarde a segunda “Noite no Conser”, unha actividade relacionada por enteiro coa música, na que os alumnos quedarán a durmir no centro. As actividades comezarán ás 19:30 horas co concerto da agrupación Bloquinho de Aperta (Asociación de Percusionistas e Tamborileiros), que animarán a xornada cunha presentación no exterior do Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Pola noite, ás 22:00 horas, os alumnos do conservatorio divertiranse cun xogo de escapismo, «A maldición da partitura de Mozart», organizado polos profesores do centro, no que deberán descubrir unha partitura secreta de Mozart que interpretou nun concerto no Pazo do Conde de Gondomar. No día seguinte, desfrutarán dunha sesión de Ioga, a cargo da profesora Patricia Moreira de Namasté, e rematarán a xornada coa pintada dun mural creado pola artista Irene Silva Xiráldez, para a fachada principal do Auditorio Lois Tobío, no que contarán coa súa orientación. Todas as actividades son organizadas pola Concellería de Cultura, dirixida por Nuria Lameiro, e cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios