Sin categoría

Unanimidade no pleno que despediu á Corporación de Nigrán

Nigrán celebrou na tarde de onte o seu último pleno antes das eleccións municipais do 26 de maio, nunha sesión caracterizada por unha afluencia de público considerable e na que reinou un clima moi colaborativo entre todos os membros da Corporación. Proba diso é que todas as mocións expostas oficialmente saíron aprobadas por unanimidade. Cabe destacar o debut da antiga edil do PP, Rosa Rodríguez, como concelleira non adscrita e onde ademais participou activamente en todas as quendas de palabra.

O único momento no que se puido percibir un certo clima de reproches foi no relativo aos Premios Nigrán, no que os corporativos referendaron aos premiados da gala. Aínda así os representantes dos grupos políticos lembraron ao alcalde Juan González que non se debe de perder a esencia dos actos institucionais, referíndose á primeira Gala do Deporte que tivo lugar o pasado sábado 20 e á que o rexedor non convidou membro algún do resto de grupos.

Por outra banda, a través da moción presentada por Xavier Rodríguez do BNG, a Corporación solicitará formalmente ao Consorcio da Zona Franca en Vigo que execute o proxecto de restauración do muíño de Porto do Molle, catalogado como BIC e do que existe un proxecto desde 2013 e por un valor inferior a 200.000 euros. Xa para finalizar, tamén con luz verde dos 17 concelleiros farán chegar a proposta de mellora de seguridade viaria da EP-2102 entre Camos e Vincios, así como a EP-2106 que discorre pola parroquia de San Pedro, ambas as dúas de titularidade provincial.