Nigrán celebra este sábado a gala dos “VIII Premios Nigrán 2019”

O Concello de Nigrán celebrará este sábado 27 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a gala dos “VIII Premios Nigrán”, tal e como estaba previsto (a Xunta Electoral comunicou esta mañá o arquivo da denuncia de UCN pedindo que se suspendese o acto). O acto, aberto á participación de toda a veciñanza, será ás 20:00 horas no Auditorio Municipal e contará coa actuación musical de “Dous” , un recoñecido dúo instrumental nigranés formado por Fernando Abreu e Pablo Carrera.

Nesta oitava edición serán homenaxeados no eido cultural a Asociación Cultural Breogán Valle Miñor; no educativo a Escola Infantil “A Galiña Azul” de Nigrán; no empresarial Rodosa; no deportivo o Club de xadrez Laroca e no social o Club Polideportivo Juan María. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. «Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentírmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento», destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

OS PREMIADOS

Cultural: Asociación Cultural Breogán Valle Miñor

A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor foi fundada en 1976 polo matrimonio nigranés Gloria Costas Pérez e Teodoro de la Peña Barbosa. Hoxe en día a integran máis de trinta persoas de todas as idades (dende 5 ata 75 anos). Comezou como grupo de Baile Tradicional e pouco a pouco engadíronse outras actividades para complementalo como o grupo de Gaitas e Percusión, o de Canto e Pandeireta, o de Música con frautas e guitarras, o de Teatro e Mediometraxes, o de Danza-jazz e o de Bailes de salón, sete en total, nas que participa case todo o alumnado. A Asociación, nestes 43 anos ininterrompidos de existencia, percorreu moitas cidades e pobos de Galicia, Portugal, Sevilla, Madrid, Toledo, Asturias, Valencia, Barcelona e Tenerife. A base de Breogán Valle Miñor é o estudio, o achegamento e difusión da cultura galega, concretamente da zona de Vilariño. As súas danzas expresan tamén momentos e costumes dos nosos antergos como as malladas, a pesca, a cavada das terras, os zapateiros, os afiadores que chegaban ao pobo, as leiteiras, as romarías…. Na nosa filosofía está o ofrecer a maior aprendizaxe posible e a accesibilidade. Actualmente, as fillas do matrimonio fundador, May e Glori de la Peña Costas, son as encargadas de manter e expandir o noso folclore e estilo tanto aquí en Nigrán, como en España; Eibar, en Europa; Basilea e Lausanne, e tamén en América; La Habana, Caracas, Valencia, Maracaibo, Montevideo, Santos, Río de Janeiro, etc

Educativo: Escola Infantil “A Galiña Azul”

A Escola Infantil “A Galiña Azul” de Nigrán, aberta no ano 2008 na rúa do Panasco, é a única pública de 0 a 3 anos do municipio e forma parte da rede de escolas infantís do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Dende o seu inicio no curso 2008/2009, máis de 800 nenos e nenas de Nigrán pasaron os seus primeiros anos de vida neste centro no que traballan 16 mulleres, doce delas no eido estritamente educativo. A Escola, que conta con cociña propia e atende a unha media de 75 crianzas por curso, destaca pola súa constante innovación pedagóxica e a súa apertura á comunidade e ás familias, proba diso e a realización de moitas actividades conxuntas e a existencia dun ANPA envorcada no proxecto educativo. Así, unha parella de profesoras por aula traballa cos cativos co obxectivo fundamental de estimular o desenvolvemento de todas as súas capacidades, tanto físicas como afectivas, intelectuais e sociais dos nenos nun ambiente de respecto máximo, rico en estímulos e de apego para criar a persoas empáticas, tolerantes, intelixentes, divertidas, creativas… «Non somos unha gardería porque non gardamos nenos, somos unha escola que traballa cuns obxectivos pedagóxicos moi definidos para facer nenos felices e autónomos», insisten dende o centro.

Empresarial: Rodosa

Rodosa naceu en 1971 da man do seu fundador e actual xerente, D. Prudencio Romeu. Por entón era un taller de mecánica e chapa situado no centro de Vigo. A partir de 1973 instálase en Priegue, Nigrán, pero non foi ata 1986 cando se vincula a Renault como axencia. Posteriormente, faríao como concesionario oficial en 1990 e, en 2002, faise cargo da instalación de Vigo, na Avda. de Madrid, e en 2011 das de Cangas do Morrazo, tamén ten presencia en Ponteareas. O Concello de Nigrán quere premiar a Rodosa pola súa gran disposición a colaborar en tódolos eventos que se lle require, demostrando o seu compromiso firme con Nigrán, e pola estabilidade laboral que ven ofrecendo a moitos veciños do municipio. A firma destaca polo seu sólido prestixio no sector, tanto pola súa traxectoria empresarial como polo respaldo das marcas que representa, Renault e Dacia. Hoxe día a actividade de Rodosa desenvólvese na venda de vehículos novos, vehículos de ocasión de todas as marcas e comerciais, así como en servizos de mantemento, mecánica, carrocería, e venda de pezas de recambio e boutique Renault e Dacia.

Social: Club Polideportivo Juan María

O Club Polideportivo Juan María naceu no ano 1992 ligado ao Centro de Educación Especial Juan María, situado en Parada (Nigrán). Actualmente reúne a 50 deportistas, principalmente de fútbol sala e baloncesto, pero tamén doutros deportes minoritarios como o ciclismo, e participan en diferentes competicións adaptadas, como os Special Olympics. Manuel González “Chapela”, presidente do club dende hai 14 anos, encárgase de adestrar a estes rapaces e rapazas que compiten en equipos mixtos e con de idades comprendidas dende os 16 anos en diante. «Temos deportistas de ata case 50 anos, de máis idade xa é complicado porque soen padecer problemas físicos asociados que lles acurta a vida deportiva», explica Manuel. A práctica de exercicio xera grandes beneficios para todas as persoas e, neste caso en concreto, o Concello quere destacar o esforzo e entrega do club para achegar o deporte as persoas con diversidade, xa que a súa práctica dende a infancia é un método incuestionable para obter unha integración social, unha autonomía e un afán de superación persoal maior.

Deportivo: Club de Xadrez Laroca

O Club de Xadrez Laroca naceu hai 25 anos da man dun grupo de afeccionados que se reunían a xogar nunha cafetería de devandito nome situada nas galerías de A Ramallosa e que xa non existe. Tres deses primeiros integrantes continúan activamente: Carlos Carreira, Tomás Bernárdez, Rafael Simoes e José Manuel Araújo. Actualmente está formado por 50 xogadores federados dende os 6 ata os 55 anos que disputan a liga galega, tendo a súa sede nas dependencias municipais de Cotros (A Ramallosa, nas antigas escolas). Entre as súas estrelas figuran Mireya Represa, cinco veces campioa de España en distintas categorías e novena no campionato europeo; ou Ana Fernández, campioa provincial feminina sub-16 e subcampioa feminina galega sub-18. Con especial atención á formación dos máis novos, o Club de Xadrez Laroca organiza cada ano diferentes torneos, destacando o memorial infantil “Dani Da Rocha Prol”, evento que rende homenaxe ao seu compañeiro Dani da Rocha, falecido en 2011, e que reúne a centos de mozos e mozas de toda Galicia no Pavillón de Panxón. A gran participación neste torneo netamente infantil é unha mostra máis do notable e crecente interese polo xadrez en Galicia. A aparición nos últimos anos de novos clubs e escolas de xadrez que promoven esta disciplina, o incremento da oferta de torneos por todo o territorio e a posibilidade de que o xadrez sexa materia de libre configuración son froito do convencemento dos beneficios que ten a práctica do xadrez na mente de pequenos e maiores. Por todo elo, o Concello considera ao Laroca merecedor deste premio.

Anuncios