Baiona lembra aos propietarios a obrigación de limpar as súas leiras

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona lembra aos propietarios das leiras urbanas, rurais e forestais que deben cumprir coas obrigacións de limpeza e, de maneira especial, que teñen que manter permanentemente limpas as franxas de protección establecidas ao redor do chan urbano, de núcleo rural, edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, como recolle a normativa legal vixente, en particular a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia pola que a Xunta de Galicia, desde a Consellería do Medio Rural, obriga aos concellos a que leven a cabo a vixilancia e cumprimento da mesma.

A través dun bando municipal o alcalde informa da obrigación de ter o terreo totalmente limpo, sen ningún tipo de árbore nin vexetación nos primeiros 15 metros. Así mesmo, dos 15 aos 50 metros deben ter o terreo libre de maleza e estrato arbustivo, sen árbores sinaladas na disposición adicional terceira da lei de montes (piñeiros, eucaliptos, acacias…). Con todo, as árbores permitidas (carballos, castiñeiros, bidueiros, sobreiras…), deben estar nas condicións que sinala a normativa: a 7 metros uns dos outros e podados (ata 11,4 metros podados a 1/3 de altura e os maiores de 11,4 metros podados a 4 metros). A data límite para que os propietarios fagan a limpeza das súas leiras está fixada para o próximo 31 de maio.

Normalmente os titulares das leiras adoitan colaborar e cumprir coa normativa mantendo as súas parcelas limpas, pero sempre hai algunha excepción, e o problema cos terreos adoita estar ligado co propio deixamento dos propietarios. É importante que a cidadanía tome conciencia, para previr calquera tipo de risco ou incendio.

Os expertos sinalan a prevención como a clave para reducir o impacto do lume, coa existencia de zonas de seguridade. Para máis información poden poñerse en contacto co Distrito XVIII situado no Porriño, no seguinte teléfono de contacto: 886 120 800.

Anuncios