Anuncios
Ticker de novas

Carlos Abal visita diferentes empresas do parque empresarial de Porto do Molle

FOTO: PP NIGRÁN // Carlos Abal e Mª José Pino na Fundación CINAE.

O candidato á Alcaldía de Nigrán polo Partido Popular, Carlos Abal, visitou hoxe diferentes empresas de Porto do Molle, entre as que figuran a empresa verde Resetea, a tecnolóxica Nort3D e a Fundación CINAE, “un parque empresarial referente na comarca e que, sen dúbida, converteuse nun dos motores económicos do municipio”, apunta.

O obxectivo da visita foi coñecer persoalmente e máis a fondo a actividade e proxectos das devanditas empresas e, sobre todo, saber cales son as súas necesidades e as posibles sinerxias entre o sector empresarial e a administración. O candidato popular destacou o carácter tecnolóxico e punteiro destes proxectos, así como a creatividade e a innovación, “elementos imprescindibles para o éxito”, engadiu.

Carlos Abal subliñou a importancia de buscar sinerxias entre o sector empresarial e a administración local, a través de proxectos e iniciativas que visibilicen e poñan en valor o tecido empresarial de Porto do Molle que redunden nun beneficio para os veciños de Nigrán, “como accións de Responsabilidade Social Corporativa, a creación dunha axencia de colocación de emprego, a formación dual e obradoiros divulgativos que axuden aos nosos mozos a atopar a saída profesional que máis lles apaixone; todas elas incluídas no noso proxecto de goberno de cara as eleccións do 26 de maio”, sinalou.

Así mesmo, interesouse polas necesidades e demandas que como traballadores do parque empresarial puidesen ter, e lembroulles que aínda que as competencias en materia de economía e emprego son limitadas para a Administración Local, “os políticos temos a obrigación de poñer en marcha todas as iniciativas e accións que estean na nosa man para favorecer e potenciar o desenvolvemento económico, o emprego e a calidade de vida dos nosos veciños e nas empresas do noso municipio”, concluíu.

Anuncios
error: Contido protexido