En Marea denuncia a Ferreira ante a Xunta Electoral pola «inauguración» da Praza Paradela

En Marea denunciou este venres ao alcalde de Gondomar, o socialista Francisco Ferreira, ante a Xunta Electoral da Zona de Vigo. En Marea considera que o goberno local “ten iniciado os preparativos con persoal do Concello e a difusión para o vindeiro domingo 14 ás 12 da mañá a inauguración da remodelación da praza e o parking da Praza Paradela”.

“Esta inauguración vulnera a LOREG, así como as Instrucións da Xunta Electoral Central, sobre consecuencias da simultaneidade na celebración das eleccións xerais do 28 de abril de 2019 e das eleccións locais, autonómicas e europeas do 26 de maio de 2019 no que se refire á regulación de campaña electoral moi explícita en canto a prohibir inauguracións neste período”, continúa o escrito.

Finalmente, solicitan a prohibición da citada inauguración e lle sexa comunicada ao alcalde de Gondomar, “e de non ser así se adopten as medidas sancionadoras previstas na LOREG”.

Pola súa banda, Ferreira acusa a En Marea e Manifesto Miñor de mentir ante a Xunta Electoral xa que “non hai programada ningunha inauguración”, co obxectivo de suspender os actos que mañá ten programados a Concellería de Turismo e Cultura na Praza Paradela, xa aberta ao público, con motivo da celebración da Feira de Oportunidades Portobelo, “que cada ano vén celebrando por estas datas organizada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios do Val Miñor (OVALMI)”.

“Manifesto Miñor non só votou en contra da humanización da Praza, senón que impugnou e denunciou o proxecto e a subvención para que non se puidese levar a cabo”, lembra o alcalde, que asegura que polo momento non ten constancia de ningunha notificación por parte da Xunta Electoral de Zona, “aínda así, se nos comunicasen que hai que suspender a feira e as actuacións, pois as suspendemos, aínda que me parecería ridículo”.

“Todo isto ten unha consecuencia e un autor, que non é outro que En Marea e Manifesto Miñor, con Antonio Araújo en primeira liña, como candidato, líder e representante do partido, co cal moi pouco quérelle ao pobo e desde logo no canto de velar polos intereses dos veciños e promocionar o pobo o que fai é poñer paus nas rodas, interromper, bloquear toda a acción de goberno e toda a proxección cultural e de progreso que poida ter o noso Concello”, conclúe Ferreira.

Anuncios