Gondomar habilita a primeira bolsa de estacionamento no centro urbano

O Concello de Gondomar acaba de habilitar a primeira bolsa de estacionamento no centro urbano para máis de 150 vehículos. Trátase dunha parcela privada duns 2.500 metros cadrados con autorización do seu propietario para ser utilizado como aparcadoiro, con acceso pola Rúa Eduardo Iglesias. O terreo foi acondicionado nos últimos días con recursos propios do Concello, dotando a parte pública de formigón e iluminación e de zahorra a parte privada. Estará aberto desde as 17:00 horas de hoxe. O alcalde, Paco Ferreira, asegura que se dá así resposta a unha reivindicativa demanda cidadá, á vez que continúa traballando para habilitar novas bolsas de estacionamento, como a que anunciou recentemente e que estará situada nas proximidades do novo centro de saúde.