Sin categoría

A Policía Local de Gondomar detén a un veciño por causar danos nun vehículo

A Policía Local de Gondomar investiga o acto vandálico ocorrido na madrugada do xoves 7 de marzo, cando persoa/s descoñecida/s lanzaban un colector de lixo contra unha furgoneta estacionada no barrio do Cruceiro en Donas, nas proximidades da vivenda da súa propietaria. Como resultado rompéronlle os cristais da fiestra traseira e causáronlle danos na mesma porta.

A patrulla da Policía Local, requirida pola titular do vehículo a primeira hora da mañá, localizaba un colector de lixo a uns 50 metros do seu posto habitual, e a pesar de non estar próximo á furgoneta, relacionouno, polos indicios atopados, como o instrumento utilizado como ariete contra o vehículo estacionado.

Como resultado das pescudas policiais coñeceuse tamén que na noite dos feitos tiña ocorrido unha liorta entre varias persoas en estado de embriaguez nun local público próximo. Seguindo esta liña deuse coa identidade dun dos homes sospeitosos dos feitos, un veciño de Gondomar de 52 anos de idade, e que, conforme á información dispoñible e logo de tomarlle declaración, sería un dos presuntos autores dos danos intencionados ao devandito vehículo.

Non se descarta localizar máis participantes nestes feitos, pero de momento, foron instruídas dilixencias policiais para poñer a disposición xudicial a dita persoa investigada por delito de danos.