Nigrán ofrece este sábado o concerto da Orquestra Sinfónica de Acordeóns de Bilbao

O Concello de Nigrán, co apoio da Deputación de Pontevedra, abre a programación de Semana Santa este sábado ás 12:00 horas no Auditorio Municipal co concerto da Orquestra Sinfónica de Acordeóns de Bilbao, considerada unha das mellores de Europa no seu xénero. A orquestra foi fundada en 1963 por Josu Loroño, falecido en 2008, quen elevou a proxección do instrumento ao máis alto da música culta e ofreceu centos de concertos en España, Alemaña, Francia e Polonia. Actualmente a dirixe Amagoia Loroño, filla do fundador.

“É unha cita importantísima para todos os amantes da música en Nigrán, é un orgullo poder traela”, subliña o alcalde, Juan González. Os asistentes poderán atoparse dende música clásica a zarzuela, pasando por música popular. A súa posta en escena, a súa sonoridade impactante, e a forza e a paixón que entregan ao público son o seu principal selo de identidade.

Esta longa andaina musical foi compensada polo cariño e recoñecemento do público, por innumerables premios e distincións, sendo ademais nomeados «Ilustres de Bilbao» polo Alcalde de Bilbao Don Iñaki Azkuna no ano 2005, pola súa traxectoria artística.

Camerata Santart

Por outra banda, o Concello de Nigrán, a través do ciclo Peregrinos Musicales, ofrecerá o venres 19 ás 20:30 no Auditorio Municipal o concerto inaugural da Camerata Santart, composta por músicos da Real Filharmonía de Galicia (Anca Smeu Sain ao violín; Timur Sadykov á viola; Thomas Piel ao chello; Carlos Méndez ao contrabaixo; Emilio Alonso ao clarinete; Manuel Veiga ao Fagot; e Alfredo Varela á trompa). A entrada é de balde ata completar aforo. Estos tocarán o Septimino de Beethoven (45 minutos) e o trío de cordas o D147 de Schubert (10 minutos). O Septimino ten a forma antiga do divertimento ou a serenata, en seis movementos, da que evoca tanto o espíritu como a liberdade de realización, amosándose, a fin de contas, moi próximo ao estilo de Mozart e Haydn. O Allegro do Trío D. 471 o cualificou Alfred Einstein como «moi gracioso, un pouco mozartiano, fluido e armonioso». Schubert comezou a compoñer este trío en setembro de 1816, pero só terminou o primeiro movemento.