Javier Gregores nega que o goberno de Gondomar investise máis de 400.000 € en Morgadáns

Javier Gregores, Presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns, nega que o goberno de Gondomar investise máis de 400.000 euros na parroquia, “porque aquí no seu mandato non investiu nada”. Por outra banda, Gregores lanza duras críticas sobre a estrada de Gondomar a Morgadáns, que cualifica de “montaña rusa” e lembra que é provincial e non municipal, e que as subvencións da Deputación para o seu arranxo foron conseguidas polo anterior goberno, “por tanto déixese de vender fume aos veciños, e dígalle onde investiu vostede na parroquia”, segundo Gregores, “nada”.

O alcalde pedáneo de Morgadáns lembra tamén que esta entidade colabora co Concello ao 50% no pago do transporte escolar dos nenos da escola de Guillufe (escola unitaria que depende do Concello) e que despois de reiteradas peticións, aínda están pendentes de ratificación no Pleno de Gondomar acordos adoptados pola Xunta Veciñal da Entidade Local, como a desafectación do ensino público das escolas unitarias de Prado e Vilas, “é dicir, deixounos no caixón, por tanto Sr. Ferreira non venda vostede fume, diga verdades, as cousas claras”.

“Efectivamente, o Concello de Gondomar ingrésalle cada ano a cantidade que lle corresponde polo deveño do 25% dos impostos recadados na parroquia, pero Sr. Ferreira, non venda vostede o que non é, lémbrolle que o anterior goberno da Entidade pleiteou co Concello para que lle dese o que lle corresponde por lei, e o xulgado do contencioso deulle a razón á Entidade, co cal non lle está dando nada que non lle corresponda, e quédalle o 75% que vostedes xestionan e que deberían investir na parroquia, o que ata a data non fixeron”, insiste Gregores.

“Vostede e o seu equipo non investiron nada en Morgadáns nin se preocuparon pola parroquia o máis mínimo, e todos os servizos que se levaron a cabo (limpeza de camiños, rozas, etc), foron obra da Entidade Local”, conclúe o alcalde pedáneo.

Anuncios