Obradoiro sobre a trata de seres humanos no IES Val Miñor de Nigrán

Ádega Castro, responsable en Vigo do Proxecto Novicom, dirixido a fomentar o coñecemento e a sensibilización cara ás persoas vítimas de trata, realizou o pasado venres un obradoiro co alumnado de 4º da ESO do IES Val Miñor de Nigrán sobre esta temática. A actividade ten o obxectivo de que os alumnos e alumnas sexan capaces de concienciarse deste fenómeno, coñecida como a escravitude do século XXI, comprendendo as súas causas e na medida do posible erradicalo.

A trata de seres humanos sófrena especialmente as mulleres e as nenas explotadas sexualmente e laboralmente, no servizo doméstico, para contraer matrimonios forzosos, para a extracción e venda de órganos, para pedir esmola. A actividade está dentro do plan de convivencia do centro educativo no ámbito da igualdade e a violencia contra as mulleres.