Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas recupera a quinta posición na Copa de España

A ambición coa que o Vigo-Rías Baixas preparou esta tempada a Copa de España está a plasmarse sobre o asfalto. A entidade que preside José Luis Chamorro vai camiño de asinar a mellor clasificación da súa historia no certame máis prestixioso do calendario estatal. A falta de dúas xornadas para o final ocupa no ranking por equipos a quinta praza, unha posición que recuperou o pasado domingo no Memorial Valenciaga.

Carlos Cobos e Samuel Blanco, os dous xefes de filas do bloque dirixido por Gorka Beloki, cruzaron xuntos a liña de meta de Eibar obtendo o undécimo e o duodécimo posto respectivamente. O outro corredor que conseguiu puntos para o conxunto flúor na carreira por excelencia da Copa de España foi David Domínguez. O sub23 catalán, no seu primeiro ano na categoría, confirmou terminando 37º as boas sensacións que leva transmitindo desde o arranque da tempada.

Tras sete probas disputadas, Lizarte lidera a táboa por escuadras con 326 puntos e o ‘top-5’ péchao o Vigo-Rías Baixas con 197. A formación olívica manexa unha renda de 15 puntos respecto ao Kuota, sexto clasificado. Un total de 24 equipos sumaron algún punto neste ranking.

A nivel individual, Cobos permanece unha xornada máis como undécimo, a 5 puntos de meterse entre os dez primeiros. Tampouco está lonxe dese obxectivo, a 36 puntos, Blanco. O redondelán sufriu unha caída no Memorial Valenciaga que penalizou as súas opcións no tramo máis decisivo.

A Copa de España entra agora nunhas semanas de parénteses e regresará para celebrar as súas dúas últimas carreiras a principios de maio. O día 1 chegará a quenda da Clásica Santikutz en Legazpi (Guipúscoa) e o 5 o do Gran Premio Macario en Alcalá de Henares (Madrid).