O GES do Val Miñor e bombeiros do Porriño sufocan un incendio nun restaurante de Baiona

O GES do Val Miñor e bombeiros do Porriño sufocaron este mediodía un incendio no Restaurante Pedro Madruga de Baiona, situado na confluencia das rúas Ramón e Cajal e Carabela Pinta. O 112 Galicia recibiu a alerta sobre as 14:00 horas, desprazando ata o lugar un camión do GES e dúas dotacións do Porriño.

Segundo explicou Gabriel Jiménez, do Grupo de Emerxencias miñorano, atopáronse dous focos, un na planta inferior, na zona da cociña, e outro na planta baixa, a que dá á rúa. Ao parecer, a rotura dunha tubaxe na planta inferior podería ter provocado un curtocircuíto.

Unha vez sufocadas as chamas, procederon a ventilar o establecemento, que se atopaba pechado no momento do suceso. Segundo informou a Policía Local, foi desaloxado o edificio, practicamente baleiro xa que se trata de vivendas de verán. Os bombeiros realizaron medicións no seu interior, e non se viu afectado polo fume. Ao lugar tamén se desprazou a Garda Civil.