O Banco de Alimentos recibe preto de 33.000 quilos de comida na súa segunda Operación Quilo do ano

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recibe ao redor de 33.000 quilos de comida grazas á Operación Quilo celebrada esta fin de semana nos Carrefour de Vigo, Pontevedra e Lalín.

A cidadanía achegou ao redor de 16.400 quilos de alimentos durante esta acción solidaria levada a cabo o venres e sábado, cifra que se compromete a dobrar a cadea de hipermercados dentro da súa campaña simultánea promovida pola Fundación Solidariedade Carrefour.

Por localidades, en Vigo (Centro Comercial Gran Vía e Centro Comercial Travesía) doáronse 8.700 quilos de comida; en Pontevedra (Centro Comercial A Barca e Centro Comercial de San Blas) outros 6.500 quilos e, por último, en Lalín 1.200 quilos máis.

Para o desenvolvemento desta Operación Quilo, a ONG mobilizou a uns 150 voluntarios nas devanditas superficies comerciais, quen perfectamente identificados con chalecos da entidade, facilitaron as doazóns que as persoas decidiron ir entregando.

Desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradécese tanto aos doantes como aos voluntarios. Mención especial tamén a Carrefour por comprometerse a dobrar cada quilo recolleito chegando así, a eses 33.000 quilos de comida.

Con toda a solidariedade recibida, o Banco de Alimentos pretende seguir abastecendo o seu almacén de Lavadores (Vigo) e de Faustino Santalices (Pontevedra) con produtos que non poden faltar en ningún fogar.