Sin categoría

Último asalto da Liga de Inverno de J80

Mañá sábado celébrase o último asalto da Liga de Inverno de J80, que o Monte Real Club de Yates vén organizando desde xaneiro para a frota de monotipos.

A partir das tres da tarde, a baía de Baiona será escenario dunha nova disputa da frota de J80 por facerse un oco no podio de gañadores. Serán tres novas probas que pecharán o marcador e definirán a clasificación definitiva.

O Okofen de Javier de la Gándara, o Cansino de Fernando Yáñez e o Namasté de Luis de Mira son os veleiros con máis opcións para coarse no podio final, xa que ocupan, a día de hoxe, os tres postos de honra.

O Okofen, con 7 puntos e o habitual bo facer de De la Gándara, ten moitas posibilidades para facerse co ouro da competición, xa que, ademais, a marxe de 6 puntos que logrou sacarlle aos seus rivais máis directos dálle certa tranquilidade.

O Cansino e o Namasté, moi regulares e con boas actuacións ao longo de toda a liga, mantéñense empatados a 13 puntos no segundo e terceiro posto respectivamente, e son os que máis posibilidades teñen xunto ao Okofen de pechar a liga asegurándose un trofeo.

Na parte media da clasificación todo está moi aberto xa que hai moitos xotas agrupados nunha franxa de puntos moi reducida. O Miudo de Carlos Hernández vai cuarto con 18 puntos, e séguenlle o Mondo de Bernardo Macedo, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero e o Pazo de Cea de María Campos con 20, 21 e 22 puntos respectivamente.

Con este panorama na clasificación provisional mañá sábado celebrarase a última xornada cunha previsión de bo vento para celebrar as tres probas finais. Ao finalizar na auga, a entrega de premios en terra e unha cea mariñeira para os participantes.